http://www.aldeadecoro.com/web

Algunhas consideracións sobre o uso dos verbos/X.R.Freixeiro Mato PDF Imprimir E-mail
Artigos - Lingua
Escrito por <a href="index.php?option=com_comprofiler&task=userProfile&user=68"><span class="small">balonga</span></a>   
Luns, 01 de Marzo de 2010 20:44
"algunhas consideracións sobre o uso dos verbos”

por Xosé Ramón Freixeiro Mato

(Publicado n’A Nosa Terra do 9 ao 14 de Xaneiro de 2004, co título “Denominacións de orixe en perigo)

A parte dedicada ao verbo nas novas normas é, talvez, a que menos mudanzas experimentou. O único aspecto gráfico-morfolóxico que se altera é a acentuación paroxítona da primeira e segunda persoa do plural do pretérito de subxuntivo, de modo que amásemos e amásedes pasan as ser as únicas formas admitidas, para alén da adopción da forma estudar (que substitúe estudiar) e da incorporación de ouvir, que debe convivir con oír. Mais, sen seren estritamente de carácter morfolóxico, introducíronse nas normas algunhas observacións sobre o uso de determinadas formas verbais que, aínda sendo máis ben propias da gramática da lingua, teñen unha especial relevancia por potenciaren certos trazos moi significativos, como son o reforzamento da distinción formal entre antepretérito de indicativo (con -ra) e pretérito de subxuntivo (con -se) e a potenciación do uso do futuro de subxuntivo. No primeiro caso a norma recomenda "manter ben discriminados os usos dos dous tempos" (cantara como indicativo e cantase como subxuntivo) e, canto ao uso do futuro de subxuntivo, afirma que "dada a súa lixitimidade histórica e a súa rendibilidade en certos rexistros lingüísticos, como por exemplo a linguaxe xurídica, cómpre restaurar o seu uso".
Nada especial di a norma, por contra, a respecto do uso do infinitivo flexionado, salvo a súa natural inclusión nos paradigmas verbais, da mesma forma que tamén se inclúe o futuro do subxuntivo, pois, a diferenza do que acontece con este, o emprego das formas flexionadas no infinitivo gozaba xa de total recoñecemento e non era obxecto de discusión. Outra cousa é que se teña posto a énfase suficiente na importancia do seu uso. Neste sentido, non deixa de resultar un pouco estraño ou ilóxico que, en xeral, as persoas dedicadas á corrección ou tradución de textos para o galego, así como o profesorado de lingua galega, teñan insistido máis ou teñan posto máis énfase nos erros ou desvíos de cáracter fundamentalmente ortográfico (usos de , de , acentuación etc.) do que na preservación de trazos tan característicos do galego como son o infinitivo flexionado ou o futuro de subxuntivo.
Sobre isto quería agora chamar a atención e subliñar a obrigatoriedade do uso destas formas en determinados casos en que xa a gramática, dunha forma ou doutra, ten estabelecido algún tipo de prescrición. Aquelas persoas que realizan labores de corrección lingüística e que, por tanto, están a desempeñar un papel importante na conformación do modelo de galego culto, deberían, segundo o meu punto de vista, conceder moita máis relevancia á incorrección dun enunciado como Por os rapaces chegar tarde, o profesor chamoulles a atención, debido a non utilización do infinitivo flexionado chegaren, da que se debería dar en gravata ou voda con , por exemplo. No primeiro caso estamos a violentar as estruturas morfosintácticas da lingua, en tanto que no segundo se produce unha simple falta de ortografía. En Aprobación, se proceder, do orzamento anual co uso do futuro de subxuntivo estase a utilizar un trazo estilístico-expresivo característico e diferencial que achega maior precisión temporal e autoctonía, valores que se perderían co uso da forma procede. Nunha proba para ocupar unha praza de asesor lingüístico ou para traballar nun servizo de normalización, por exemplo, estes aspectos deberían ser básicos, cando na realidade son os máis descoidados ao se consideraren simplemente opcionais. Tamén deberían ser tidos en conta, claro está, polo profesorado de lingua galega, polos autores e autoras, e polos medios de comunicación.

Lingua de calidade

Ven de sair do prelo o libro "Lingua de calidade" de Xerais do doutor de Filoloxia galega Xosé Ramón Freixeiro Mato.
O libro pula por un galego de calidade e con futuro que exixe a depuración dos castelanismos e a restauración das formas galegas tradicionais (uso do infinitivo flexionado e xerundial,complemento directo sen a preposición a, emprego dos pronomes ... ), alén de consagrar o sistema lingüístico galego-portugués.

Enviou: balonga


Compárteo cos teus amigos
Share
------------------------------------------------------- Síguenos e faite seareiro no Facebook
Faite seareiro de Aldea de Coro no Facebook

Pesquisa no e-Estraviz

Outros tweets

 
Se queres participar escribindo, enviando documentos, ligazóns ou facendo amigos entre os membros, rexístrate. Podes axudar á web premendo nos anuncios de Google. Grazas.